Instalación de novos aplicativos desde os repositorios
Existen varios xeitos de instalar software na maqueta de Aulas Dixitais.
En liñas xerais, este proceso pode facerse en modo gráfico ou a través do Emulador de terminal (modo consola).
A instalación de novo software no noso equipo sempre requirirá identificarnos como usuario root no sistema.
A forma máis sinxela e segura de instalar software no noso equipo é a través dos repositorios.
Os repositorios.
En liñas xerais, os usuarios de Windows anteriores á versión 10 cando necesitan instalar novo software no seu sistema teñen que acceder co navegador a Internet, localizar o programa que precisan, descargalo e unha vez descargado executar un arquivo .exe para proceder á súa instalación. Trátase dun procedemento relativamente simple, pero con graves inconvenientes asociados, como por exemplo a frecuente instalación de software adicional intrusivo que pode supoñer a ralentización do equipo.
Para a descarga de software en Linux existe unha alternativa moi segura e eficiente, que elimina os problemas descritos con anterioridade: os repositorios.
A grandes rasgos, un repositorio é un servidor en internet onde se atopan os programas específicos para unha determinada distribución dun sistema operativo Linux. (Así pois, cada distribución Linux ten a súa propia lista de repositorios).
A vantaxe radica en que os programas que se atopan nestes repositorios están verificados polos programadores encargados do desenvolvemento e administración da distribución polo que poderemos instalar estes programas con total confianza.
Ademais, se algún software instalado mediante este método é actualizado nos repositorios seremos automaticamente avisados da actualización dispoñible.
Por outra banda, as compañías que xeran os programas tamén teñen os seus propios repositorios polo que é posible agregalos á nosa lista e así facilitarnos a descarga directa dos seus servidores, evitando deste xeito a tarefa de buscalos e descargalos de páxinas onde xeralmente veñen acompañados de malware e/ou spyware.
O listado dos repositorios activos no noso sistema atópase na ruta: /etc/apt/sources.list
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0