Servidor rdp no Debian e no MakuluLinux

Escritorio remoto a un Debian desde outro Linux ou desde un Windows
 

 

 

Pretensións

Con esta páxina quero deixar documentada unha maneira de instalar e configurar un servidor ao cal poidan facer un escritorio remoto desde GNU Linux ou ben desde o Microsoft Windows. Empregouse unha máquina HP Proliant G7, con 10 mb de memoria RAM.


Co paso do tempo os equipos informáticos vanse quedando pequenos en canto a prestacións, o que nos obriga a mercar equipos novos con prestacións maiores, cun rendemento axeitado ás demandas do novo software.

Unha maneira de aproveitar eses equipos antigos é empregándoos para servizos nos cales non se lle demande moito. Pero o certo é que ao final non acabamos empregalos. Unha maneira de darlle un uso axeitado é convertelos en terminais lixeiros ou máquinas tontas. Son equipos cun sistema operativo moi pequeno (thinstation, Puppy Linux, Slitaz, Vector Linux, Minino Artabros, etc), pero tamén desde calquera outra distribución tanto Linux ou Windows no caso de que o problema non sexa falta de rendemento do cliente, senón a comodidade de traballar de maneira centralizada para non espallar datos por varios equipos. Deste xeito desde o cliente o usuario abre unha sesión de escritorio remoto nun equipo servidor no cal traballará de maneira cotiá.

O traballo con terminais lixeiros presenta dúas vantaxes: aproveitamento de equipos antigos e ademais esquéceste do mantemento das maquinas tontas, e tan só hai que atender o mantemento do servidor.

Hai varias posibilidades para traballar e configurar un entorno con máquinas tontas: ssh, ltsp, vnc, etc. Un destes é mediante o protocolo RDP, empregando o software XRDP. A vantaxe con respecto ás outras tecnoloxías é que se pode acceder tanto desde máquinas Linux como máquinas Windows e ademais con respecto a ltsp, se o usuario non desexa traballar contra o servidor, pode facelo desde a máquina cliente.